Friday 10 de May de 2024

O Concello e a FREMSS celebran unha nova xornada divulgativa e de degustación na lonxa da Coruña


Esta actividade forma parte da campaña para promover o selo de orixe ‘Peixe da lonxa da Coruña’

Este sábado, 3 de decembro, celebrouse unha nova xornada divulgativa e unha degustación de produtos de proximidade na lonxa da Coruña.

Esta iniciativa está promovida polo Concello e a Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS) dentro das actividades organizadas para a difusión do selo de orixe ‘Peixe da lonxa da Coruña’, que distingue os peixes e mariscos que chegan ao porto da cidade.

Impartiu a conferencia ‘Peixe: unha fonte de saúde cardiovascular’ Guillermo Aldama, cardiólogo do Chuac. Ademais, houbo unha degustación de produtos da lonxa, organizada pola Escola de Hostalería Álvaro Cunqueiro e a Asociación de Empresarios de Hostalaría da Coruña.

Ao acto, celebrado na lonxa da Coruña, estaban convidados e convidadas representantes escolares da cidade. Asistiron o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas eMobilidade, Francisco Díaz Gallego; o concelleiro de Educación e Memoria Histórica, Jesús Celemín; e a concelleira de Comercio, Mercados e Barrios, Diana Cabanas.

O Concello e a FREMSS traballan de forma conxunta na promoción e divulgación do selo ‘Peixe da lonxa da Coruña’ para incorporalo nas diferentes etapas de selección e distribución dos peixes e mariscos que chegan á lonxa. O convenio asinado entre ambas as partes ten un orzamento total de 40.000 euros e está financiado na súa totalidade polo Goberno municipal.

A lonxa da Coruña é líder en descarga de peixe fresco, con máis de 33.000 toneladas ao ano e un valor de produto de máis de 60 millóns de euros.